Friday 03 de May de 2024

Urbanismo asina un convenio para a creación dun premio que distinga as mellores rehabilitacións de edificios


Na reunión do venres cos responsables do COAG, acordouse convocar a partir de 2020 un concurso co fin de recuperar espazos residuais de barrios con carencias de zonas libres e verdes

A concellería de Urbanismo acordou co COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), tras a reunión do venres, a creación dun premio bianual á mellor rehabilitación no ámbito PEPRI no que se valorarán en diferentes categorías ás mellores reformas de edificios residenciais, as mellores rehabilitacións de baixos comerciais e a mellor intervención no espazo público. A idea é que a primeira edición sexa en 2021.

Pola súa parte, o colectivo de arquitectos demandou axilidade na concesión de licenzas para saír da parálise do anterior mandato, que “afectou a toda a cidadanía e a nosa profesión”. O presidente do COAG, Roberto Costas, manifestou que “nos gustaría que se volveran a reactivar convocatorias para crear espazos de calidade na cidade”. Neste aspecto, o equipo municipal acordou co colectivo un convenio de colaboración para crear un concurso de microespazos na cidade orientado á recuperación de lugares residuais de barrios con carencias de zonas libres e zonas verdes tales coma a Agra do Orzán, Monte Alto, Os Castros ou Os Mallos. O primeiro concurso convocaríase en 2020 tras a elaboración das bases.

No encontro falouse de instaurar a partir do ano que vén a Semana da Arquitectura na cidade por parte do Concello, do COAG e da Escola de Arquitectura, implicando a outras institucións e administracións co fin de organizar unha semana de

actividades na que se poidan realizar visitas a edificios de interese arquitectónico, así como exposicións e conferencias.